Ampliación prazo máximo resolución e notificación procedemento suspensión de contratos e redución xornada por forza maior

ORDE AMPLIACIÓN PRAZO MÁXIMO DE RESOLUCIÓN E NOTIFICACIÓN DO PROCEDEMENTO DE SUSPENSIÓN DE CONTRATOS E REDUCIÓN DE XORNADA POR FORZA MAIOR. DOGA 2 ABRIL 2020.

LIGAZÓN: ORDE do 31 de marzo de 2020 pola que se acorda a ampliación do prazo máximo de resolución e notificación do procedemento de suspensión de contratos e redución de xornada por causa de forza maior que teñan a súa causa directa en perdas de actividade como consecuencia do COVID-19, incluída a declaración do estado de alarma, tramitados pola Secretaría Xeral de Emprego así como polas respectivas xefaturas territoriais en función dos respectivos ámbitos territoriais de afectación.

O volume das solicitudes presentadas en Galicia (máis de 25.000) e, sobre todo, daquelas que, indefectiblemente, se van presentar no futuro, fan imposible a resolución dos procedementos no prazo de cinco días sinalado no artigo 22 do Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo.

Por outra banda, non debemos esquecer que os procedementos de regulación de emprego, aínda que sexa temporal, teñen un impacto negativo de carácter estrutural sobre o emprego e a economía, e sobre todo, para as persoas traballadoras e para os empresarios e empresarias. Por este motivo, a Administración debe ser rigorosa na súa aplicación. É obrigado que examine e constate a existencia, caso por caso, da forza maior alegada por cada unha das empresas, requirindo a corrección de deficiencias da documentación achegada e a acreditación da forza maior –especialmente naqueles casos en que esta se motive en causas indirectas–, para evitar que se poidan producir autorizacións non axustadas á legalidade vixente en prexuízo das persoas traballadoras e do interese público.

Esta análise e verificación de datos relativos ás numerosas empresas que presentaron solicitudes é unha tarefa que require dun tempo importante que pode levar a exceder o prazo legal establecido. Por todo iso, resulta necesario adoptar unha decisión que dea unha resposta extraordinaria e razoable para o conxunto de tales expedientes que se tramitan tanto na Secretaría Xeral de Emprego como nas xefaturas territoriais da Consellería se ben, e de conformidade co disposto no artigo 35.b) do Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, baixo as potestades de dirección, coordinación, control e execución que en materia de emprego e, nomeadamente, de relacións laborais, se lle confiren á antedita Secretaría Xeral de Emprego, e enfocar o cumprimento regular dos prazos dunha maneira global respecto a todos eles.

Primeiro

Declarar aplicable a ampliación do prazo máximo de resolución e notificación de todos os procedementos de suspensión de contratos e redución de xornada por causa de forza maior que teñan a súa causa directa en perdas de actividade como consecuencia do COVID-19, incluída a declaración do estado de alarma, que tramiten a Secretaría Xeral de Emprego e as xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria, ampliando cinco días o prazo previsto no artigo 22 do Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19.

Praza Avogados