Libertade expresión

O TSXG declara vulneración de dereitos fundamentais e recoñece a garantía de emisión das radios comunitarias

O TSXG declara o vulneración do dereito fundamental da persoa á libre expresión e a recibir e comunicar libremente información veraz (art. 20.1 .a e .e CE) e recoñece a garantía temporal de emisión dos servizos radiofónicos comunitarios.

 

Nunha pioneira Sentenza datada o 25 de outubro de 2018, o TSXG dá a razón a unha asociación cultural prestadora de servizos radiofónicos fronte á negativa da Xunta de Galicia a permitir a súa actividade.

O debate de fundo radicaba, por unha banda, na interpretación da Disposición Transitoria 14ª da Lei 7/2010, Xeral da Comunicación Audiovisual a cal regula con carácter transitorio a situación dos servizos de comunicación sen ánimo de lucro. O Tribunal Superior entende incluídos na mesma tamén os servizos radiofónicos que viñan actuando con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2009, fronte á exclusión que defendía a Secretaría Xeral de Medios.

Este é o primeiro pronunciamento xudicial sobre dito precepto en todo o sistema xudicial español e tumba a premisa da administración autonómica para impedir a actividade radiofónica e impoñer sancións de até 200.000 € á entidade expedientada.

En efecto o TSXG acolle a doutrina do Tribunal Supremo [Sentenzas do 17.03.2003, rec. 1599/200, reiterada polas de 15 Mar. 2013, Rec. 6842/2009, ou a de 11 Mar. 2013, Rec. 6821/2009]establecida para análoga Disposición Transitoria Única da Lei 41/1995, de 22 decembro, de réxime xurídico do servizo de televisión local por ondas terrestres, e consecuentemente declara a existencia dunha garantía temporal de emisión que se manterá até que as administracións competentes non leven a efecto o mandato legal de regularización a través dos correspondentes procesos de concesión de licenza, mandato que segue sen cumprirse polas administracións, tal e como censura o TSXG, coa conseguinte vixencia daquela garantía temporal.

Por outra banda tamén resulta relevante que dita infracción dos Dereitos Fundamentais da recorrente é recoñecida no ámbito e revisión dun procedemento sancionador finalizado por arquivo, isto é, sen sanción efectiva, pero que dado o teor da súa disposición, con advertencia ameazante de sanción futura, inclina á Sala do TSXG con igual parecer da Fiscalía, a entender conculcados de facto ditos dereitos fundamentais. Noutras palabras, a realidade material do efecto da resolución de arquivo (á vista tamén da fundamentación xurídica que informa dita advertencia) é suficientemente impactante na esfera dos dereitos da recorrente como para estimar o recurso.

Deste xeito, a Sala continúa o camiño de superar unha concepción ortodoxa e estritamente revisora da xurisdición contencioso-administrativa e se pronuncia sobre o fundo do asunto, aproveitando ao noso xuízo, a marxe que habilita o procedemento especial de protección dos Dereitos Fundamentais da Persoa.

En definitiva, desde Praza Avogados, queremos expresar a nosa satisfacción por poder ter axudado a escalar nunha nova conquista na defensa dos dereitos fundamentais e unirnos á importante reivindicación impulsada desde a Rede de Medios Comunitarios e ducias de asociacións do sector, con reflexo en multitude de instancias e entidades, desde a ONU, Parlamento e Consello de Europa, o Congreso dos Deputados, etc… e o amplísimo movemento cívico e político xurdido a partir da actuación da Xunta de Galicia, freada grazas a sentenza que comentamos.

Praza Avogados